CRTVG

Buscar

Identifican o autor da ameaza a Maroto: un home do Escorial con problemas mentais

Publicado o 26/04/2021 17:51

O sobre, dirixido a Reyes Maroto, chegou o venres á sede do Ministerio de Industria, pero a secretaria da ministra non o abriu ata este luns. Dentro, camuflada entre cds, ía unha navalla aparentemente ensanguentada. O paquete levaba remitente: un veciño do Escorial cunha enfermidade mental diagnosticada e que no pasado xa dera sinais de obsesión coa ministra. Reyes Maroto denunciouno na comisaría do Congreso.

A ministra dixo que "a carta pon de manifesto que o odio, as ameazas estanse convertendo en feitos. Hoxe eu son a ameazada, pero todos os demócratas estamos ameazados. É algo serio, isto non o inventa ninguén".

Segundo as pescudas, a carta foi enviada antes de que se coñecesen as amezas que a semana pasada recibiron o exvicepresidente, Pablo Iglesias, o ministro do Interior e a directora da Garda Civil, e non gardaría relación con elas.