CRTVG

Buscar

Identifican fármacos que eliminan selectivamente células avellentadas

Publicado o 22/10/2019 09:12

Os investigadores do Instituto de Investigación de Santiago, o IDIS, lograron identificar os fármacos tras un cribado masivo de compostos. Descubriron que a familia dos glicósidos cardíacos, coñecida desde hai séculos, é capaz de eliminar especificamente as células avellentadas. Isto supón un importante achado porque ten posibles aplicacións en doenzas moi frecuentes.

Manuel Collado, investigador do Sergas: "As células senescentes, as células avellentadas, acumúlanse co paso do tempo en multitude de órganos e tecidos, e suponse que son a causa do avellentamento. Máis en concreto, naquelas enfermidades que están asociadas ao avellentamento, como pode ser a osteoartrite ou a fibrose pulmonar".

E non só iso, este descubrimento podería aplicarse no tratamento do cancro, combinado coa quimioterapia.

Manuel Collado, investigador do Sergas: "Moita quimioterapia induce ao avellentamento celular. Combinalo cuns compostos que sexan quen de eliminar esas células avellentadas permitiría ter unha resposta máis completa e mesmo reducir os efectos secundarios".

Unha prestixiosa revista científica publicou este traballo, en que colaboraron varios investigadores. Agora seguen buscando máis compostos que poidan empregarse en futuras terapias contra o cancro e o avellentamento.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/10/2019