Identifican en Pontedeume os agresores dun mozo con problemas de saúde mental
A Garda Civil identificiou os autores da agresión a un mozo maior de idade e con problemas de saúde mental ocorrida a pasada fin de semana en Pontedeume, informaron a EFE fontes da investigación.
As mesmas fontes precisaron que os responsables son menores de idade e non son naturais da mesma localidade.
Ademais, indicaron que o agredido non é autista, como informaron algúns medios tras viralizárense unhas imaxes dos feitos.
Doutra banda, remarcaron que o mozo agredido é coñecido na localidade pola súa conduta pacífica e por pasear habitualmente cantando pola zona sen protagonizar ningún altercado.
O alcalde eumés Bernardo Fernández Piñeiro asegurou a EFE que este suceso deriva de "comportamentos que non teñen cabida" na sociedade e mostrou a súa "máxima condena".
Do mesmo xeito, tachou de "grave" o ocorrido e censurou a conduta de "aqueles que o acirran e gravan".
Igualmente, estimou que os servizos xurídicos municipais estudan a posibilidade de que o Concello poida "acudir no proceso".
En todo caso, aludiu á "investigación aberta" polo instituto armado e desexou que se adopten as "decisións oportunas".
O vídeo reproduce o momento en que o mozo é golpeado e cae sobre un muro entre as risas dos participantes na agresión.