Detectado un gromo en Vilalba con 22 persoas afectadas
O Servizo Galego de Saúde vixía de preto un gromo de covid-19 detectado na localidade lucense de Vilalba, con 22 persoas infectadas. O número de positivos neste concello non deixou de medrar na última semana. De feito, arestora a incidencia é de 120 casos por 100.000 habitantes.
O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, confirmou que todos os contaxios están "identificados e rastrexados" e a evolución "é positiva". Ademais, asegurou que non se trata dun gromo "explosivo".
Todos están relacionados cun gromo rexistrado nun dos colexios do municipio e no instituto. De feito, xa se fixo un cribado no centro de educación secundaria. Das 100 probas realizadas, detectáronse catro positivos.
Ramón Ares tamén confirmou que a día de hoxe están controladas "as cadeas de transmisión do gromo laboral" detectado en Viveiro e Cervo, onde seguiron aparecendo casos a semana pasada.