CRTVG

Buscar

Identificado un grupo de moteiros de Logroño por infraccións viarias graves

Publicado o 07/02/2020 14:09

Axentes de Tráfico identificaron un grupo de moteiros implicados en delitos contra a seguridade viaria. Subían vídeos á Rede facendo adiantamentos prohibidos e circulando a máis de 200 quilómetros por hora.

A operación comezou en marzo de 2019, cando a Garda Civil localizou un dos vídeos subido á Rede.

Era dun grupo de moteiros que empregaban estradas secundarias como circuíto de carreiras.

Os axentes investigaron dúas persoas e identificaron outras oito, todos residentes en Logroño, como presuntos autores de delitos contra a seguridade viaria.

A Garda Civil visualizou ata cincuenta vídeos en que aparecían facendo adiantamentos prohibidos, invadindo o carril contrario e circulando a 200 quilómetros hora por zonas limitadas a 90 e a 157 onde o límite era de 40.

A operación denominouse Mataburros, que é o nome co que se coñece popularmente a estrada comarcal que une as localidades navarras de Torres del Río e Viana.

Trátase dunha vía frecuentada as fins de semana por moitos motoristas polo seu trazado con curvas moi perigosas e de pouca visibilidade.

As infraccións cometidas poden supoñer unha multa de máis de 14.000 euros e a retirada de 132 puntos, pero dous dos infractores afrontan ademais penas de prisión. 

Noticias web

07/02/2020