Identificado o autor do ataque terrorista do sur de Londres
A policía identificou o autor do acto terrorista levado a cabo onte nun barrio do sur de Londres que deixou tres feridos. Trátase dun mozo, de 20 anos, que saíra da cadea hai unha semana despois de cumprir a metade dos tres anos de cadea aos que fora condenado por delitos de terrorismo.
As forzas de seguridade británicas identificaron a Sudesh Amman, de 20 anos, como o autor do ataque de onte que se cre que está relacionado co radicalismo islámico.
Había só unha semana que o mozo saíra da cadea despois de cumprir a metade dos tres anos aos que foi condenado a finais de 2018 por promover actos terroristas e mesmo pedirlle á súa moza que decapitase os seus pais.
Nada máis saír da prisión, foi sometido a vixilancia policial.
A investigación segue adiante para determinar as razóns que levaron a Amman a acoitelar tres persoas antes de ser abatido supostamente polos mesmos axentes que o vixiaban.
Agora trátase de descubrir tamén se hai outras persoas involucradas e nas últimas horas a policía rexistrou dúas vivendas do sur de Londres, aínda que non houbo ningunha detención.