Identificadas seis mulleres en Pontevedra preparadas para apoderarse de roupa e outros obxectos
A Policía Nacional ten en marcha un dispositivo especial para as rebaixas. Axentes de paisano e uniformados vixían as zonas comerciais onde hai maior aglomeración de xente. En Pontevedra identificaron seis mulleres, dúas delas menores de idade, sospeitosas de roubar ao descoido.
Paula Novas, voceira da Policía Nacional en Pontevedra: "Detectouse a presenza de varias mulleres, neste caso con bolsas preparadas para a inhibición dos arcos de seguridade das tendas".
No momento en que as identificaron non levaban ningún obxecto nas bolsas. Agora que aumentou a ocupación nos locais, os comerciantes deben estar moi alerta.
Paula Novas,voceira da Policía Nacional en Pontevedra: "Ter ollo cando entran grupos de persoas porque mentres un deles despista o dependente, os outros subtraen os obxectos expostos. E sobre todo non deixar aberta a rexistradora nin fóra da vista da encargada do comercio".
Os rateiros que rouban ao descoido son moi hábiles e rápidos. Non convén despistarse e manter sempre as pertenzas baixo control.
Paula Novas, voceira da Policía Nacional en Pontevedra: "O bolso sempre por diante, pechado, sen xoias nin moito diñeiro. E os varóns que leven a carteira no peto de diante. E tratar de evitar cando nos aborda un grupo de persoas para vendernos panos, acendedores, pedindo sinaturas para algunha asociación".
E se fomos vítimas destes delincuentes, hai que dar de baixa as tarxetas de crédito e, no momento de denunciar, tratar de lembrar os máximos datos posibles dos ladróns.