CRTVG

Buscar

Iberia será un dos patrocinadores do Xacobeo 2021

Publicado o 22/01/2020 22:39

O símbolo do Xacobeo 2021 sucará 3 continentes desde a fuselaxe dun avión de Iberia. É só unha das accións de patrocinio que a compañía aérea pon a disposición da Xunta para invitar a visitar Galicia os seus 20 millóns de pasaxeiros.

Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo, explica que a liña aérea "vai poñer á disposición do Xacobeo toda a súa potencia de comunicación e proxección para impulsar diferentes actividades de promoción que teñen como finalidade última promocionar Galicia e promover o Xacobeo 21".

Luis Gallego, presidente de Iberia, di que "imos utilizar todas as nosas canles, todos os nosos medios para facer que o Xacobeo sexa un éxito e, por suposto, todos os nosos avións para que moita xente poida vir e desfrutar de Galicia".

A modo de aperitivo, xa está en Fitur o Túnel do Camiño, unha experiencia inmersiva para imaxinarse nunha das dez rutas que levan a Compostela. Pero Galicia non só é Xacobeo: a Ribeira Sacra, o Ferrol ilustrado, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, ou os moitos entroidos do país son só algunhas das cores dunha paleta turística para todos os gustos. Todo, en beneficio dun sector do que sae o 10% da nosa riqueza e que emprega 110.000 persoas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/01/2020