Iago López Marra encara a Medal Race no terceiro posto e a catro puntos do ouro
A catro puntos do ouro e con dez de vantaxe para lograr a medalla de bronce. Así afronta á última xornada o 49er do sonense Iago López Marra e o cántabro Diego Botín.
Na última tirada de tres regatas os españois asinaron un 4º, un 12º e un 6º postos. Amosáronse moi sólidos Burling e Tuke, a parella de Nova Zelandia que tenta revalidar o ouro do Río (5º, 2º e 11º) e sacáronlle catro puntos ao dúo español. Foron os máis atinados cos británicos Fletcher-Bithell mantendo a mesma puntuación que o barco de López Marra.
Nova Zelandia ocupa a primeira posición con 52 puntos, polos 56 de Gran Bretaña e de España. A dez dos españois veñen os alemáns Heil e Ploessel, compañeiros de adestramento de Botín e Marra durante os últimos meses e que tentarán facer unha remontada épica para entrar nas medallas.