CRTVG

Buscar

Iago Aspas saca o Celta do descenso

Publicado o 07/04/2019 22:02

Iago Aspas sacou o Celta do descenso cinco xornadas despois. E outra vez tocou sufrir, tocou remontar porque o Celta saíu descentrado e a Real Sociedade dominou o inicio do choque. O Celta tardou 27 minutos en achegarse á porta de Rulli. E dous minutos despois, no 29, Melero López sinalou penalti a instancias do seu asistente nesta acción entre Lucas Olaza e Oyarzabal. O VAR confiormou a decisión do colexiado e William José puxo a Real Sociedade por diante no 32. Tívoa Maxi, sacoulla Rulli co xeonllo e Iago Aspas fallou o que non adoita errar. Merino regaloulle o balón, chantouse ante Rulli pero mandouna fóra.
Nada máis comezar o segundo tempo, ían 20 segundos, xogada semellante. Iago Aspas encara a Rulli dentro da área e o porteiro lévao por diante. Penalti claro. Pero Rulli mancouse na xogada e houbo que agardar cinco minutos para lanzar a pena máxima. Transformou Iago Aspas, pasoulle a Rulli por debaixo do corpo. E outra acción para o VAR, outra vez o asistente. Indicoulle a Melero López que vira agresión de William Jose a Okay. Vermella directa. A videoarbitraxe volveu confirmar a decisión do colexiado.
Iago Aspas, no 70, aproveitou o centro de Hugo Mallo dende a banda dereita para facer o segundo. Maxi Gómez arrastrou a defensa e o de Moaña acadou o seu quinto gol en tres partidos, o quinto tanto tras a lesión. Sacou a camisola na celebración, cartón, o quinto, non estará a vindeira xornada no Metropolitano.
A Real intentouno, topou con Rubén, e Maxi Gómez levou a tranquilidade no engadido. Centro de Boudebouz e tanto do uruguaio. 3-1, sete puntos nunha semana e o futuro vese máis tranquilo grazas a Iago Aspas, un xogador ao que Escribá odiaba antes de chegar ao Celta.
 

Noticias web

07/04/2019