CRTVG

Buscar

Iago Aspas fai historia

Publicado o 28/09/2020 22:04

Iago Aspas agranda a súa figura alcanzando os mitos do Celta. O seu xenio vai da man co seu olfacto de gol. Iago atopa o oco e consegue poñela onde quere. Así se alcanzan 104 goles en seis temporadas en primeira e mais a que acaba de comezar. Con Tres trofeos Zarra no peto, as estatísticas tamén din que co mesmo número de partidos é o fútbolista español máis prolífico, despois de Villa.

O tanto que lle marcou ao Valladolid non lle deu os tres puntos o Celta, pero prolonga o seu comezo de temporada estelar. O Celta podía saír líder de Pucela. Denis Suárez lamentábase na súa conta de Twitter, despois de dispoñer da mellor ocasión do partido. "Lástima que só fose un punto. Seguimos crecendo", escribiu.

Tampouco axudou a arbitraxe. O suposto penalti de Mallo nin sequera mereceu unha consulta co VAR. "Está claro que non é penalti", asegura Óscar García. O adestrador do Celta lembra que "xa nos pasou no campo do Mallorca, pasounos hoxe e claro non lle podo dicir aos meus xogadores que non metan o pé dentro da área".

O árbitro Sanchez Martínez tampouco viu a agarrada a Aspas cando esmorecía o partido. Falta por man e cartón para o xogador do Celta.

O mellor para Aspas e para o Celta é que este xoves chega a Balaídos o Barcelona. Ao día seguinte hai lista de Luis Enrique, quizais despois de ver outra fantasía do repertorio de Iago Aspas.

Noticias web

28/09/2020