CRTVG

Buscar

Hungría e Polonia bloquean o fondo de recuperación por vencellalo ao Estado de dereito

Publicado o 16/11/2020 16:40

Hungría e Polonia vetaron este luns o acordo sobre o orzamento da Unión Europea (UE) para 2021−2027 e a decisión sobre os recursos propios para financialo, o cal podería atrasar a entrada en vigor das novas contas e do Fondo de Recuperación tras a pandemia de coronavirus.

Durante unha reunión de embaixadores dos Vinte e sete en Bruxelas, Budapest e Varsovia cumpriron a súa ameaza e non avalaron o acordo pechado a semana pasada entre o Consello —a institución que representa os países e que este semestre preside Alemaña— e a Eurocámara, que requiría unanimidade para saír adiante.

Ambos os países rexeitan o mecanismo que permitirá suspender o desembolso de fondos europeos aos países que non respecten os principios do Estado de Dereito, pero ao non poderen vetar este acordo —que se aproba por maioría cualificada— bloquearon o resto do paquete de recuperación.

Así, os embaixadores dos Vinte e sete aprobaron coa maioría necesaria este mecanismo, mentres que as reservas expresadas por dous Estados impediron o acordo sobre o marco financeiro plurianual e a decisión sobre recursos propios, segundo explicou un portavoz da presidencia alemá. Hungría e Polonia teñen abertos senllos expedientes de Bruxelas polos seus problemas co Estado de dereito e viñeron rexeitando sistematicamente que se vinculen a este os fondos comunitarios, dos que son receptores netos.

"É un intento por crear un mecanismo político a través do cal algúns países da UE poderían tentar apertarnos, e iso non o aceptaremos", dixo Michal Dworczysk, xefe de gabinete do presidente polaco Mateusz Moraviecki, cuxo Goberno enviou unha carta ás institucións comunitarias para advertir da súa postura.

O Executivo do húngaro Viktor Orbán, que considera o mecanismo unha "chantaxe política", tamén enviou unha misiva para advertir do posible veto á Comisión Europea, que aínda está a examinar ambas as cartas. Este bloqueo podería atrasar máis aló do 1 de xaneiro de 2021 a entrada en vigor non só do orzamento plurianual (dotado con 1,074 billóns de euros) senón tamén do Fondo de Recuperación, xa que a decisión sobre os recursos propios do orzamento é imprescindible para emitir a débeda coa que se captarán os 750.000 millóns do Fondo.

Ademais este último texto ten que ser ratificado polos parlamentos nacionais antes de poder ir aos mercados, e con iso as emisións poderían comezar entrado 2021.

"Se bloquean a decisión sobre recursos propios no debate arredor do marco financeiro plurianual, creo que teremos de novo unha crise. Estamos de novo en crise", advertía antes da reunión de embaixadores un alto cargo europeo.

Engadiu que, chegado este caso, a presidencia alemá avaliaría coa presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, e o presidente do Consello, Charles Michel, cales son os seguintes pasos, e avisou de que non pode descartarse que o tema se trate o xoves no cume telemático de xefes de Estado e de Goberno comunitarios previsto para tratar o coronavirus.

Noticias web

16/11/2020