Hugo Vallejo: "Gañar dá moita vida, e máis a nós"
O Real Madrid confiou ao Deportivo a Hugo Vallejo, como fixera un par de tempadas antes co uruguaio Fede Valverde, e a nova promesa granadina empeza a ser clave no conxunto branco e azul. Fichado no mercado invernal polo Real Madrid procedente do Málaga, e prestado posteriormente ao conxunto coruñés, Vallejo está a demostrar as súas calidades en beneficio dun Deportivo ao que axudou a saír das posicións de descenso a Segunda B.
Aos seus vinte anos, o atacante branco e azul aínda non foi titular inicial co equipo galego, pero foi determinante como suplente nos dous encontros máis recentes. Ante o Raio Vallecano contribuíu ao empate do seu equipo cunha asistencia a Víctor Mollejo; e fronte ao Elxe deulle o triunfo ao Deportivo no Martínez Valero a pesar de que nese momento tiña inferioridade de efectivos pola expulsión do xaponés Gaku Shibasaki.
O seu primeiro gol como deportivista, que llo dedicou á súa irmá, uns anos máis nova ca el, anotouno tras roubar a pelota en campo propio, acompañar o ataque que levaron os seus compañeiros e rematar a faena na área, de cabeza, a centro de Víctor Mollejo.