CRTVG

Buscar

Hoxe reúnese a Mesa de Diálogo Social para tratar a extensión dos ERTE

Publicado o 04/09/2020 08:40

Un dos asuntos que lles preocupa aos pais na volta ás clases é o das baixas laborais en caso de fillos en corentena. Será un dos temas que se trate hoxe na reunión da Mesa Nacional de Diálogo Social, en Palma de Mallorca. Goberno, patronal e sindicatos tamén falarán da extensión dos ERTE máis alá de setembro. 

Será un dos asuntos centrais que se debatan na mesa de diálogo social que se retoma hoxe. Nas últimas horas, a ministra de Traballo xa adiantaba que o Goberno traballa para estender a baixa laboral aos pais con fillos en corentena con PCR negativa, mesmo aos pais de nenos que teñan síntomas coma febre e non poidar ir ao colexio. Patronal e sindicatos agardan coñecer hoxe os detalles desa posible prestación adicional, como se vai articular e, sobre todo, saber se o custo desta incapacidade temporal recae nas empresas ou no Estado. Os sindicatos piden que se activen medidas económicas de apoio para este tipo de baixas.

Os interlocutores sociais e o Executivo tratarán tamén a negociación da prórroga dos ERTES. A ministra Díaz xa confirmou a súa pretensión de que se prolonguen máis alá de setembro, o tempo que sexa preciso, sen falar de prazos.

O Goberno di que se vai estudar en que sectores seguen funcionando os ERTE a partir deste mes. Un dos máis afectados pola crise sanitaria é o turístico. O presidente de Exceltur reclamoulle á ministra que se manteñan os ERTE coa máxima bonificación ata xuño de 2021. No ministerio de Traballo aseguran que non van deixar atrás un sector que supón o 12 % do PIB e centos de miles de postos de traballo.

Noticias web

04/09/2020