CRTVG

Buscar

Hoxe celébrase o Día Nacional das Persoas Celíacas

Publicado o 27/05/2019 14:17

A intolerancia ao glute aféctalle a máis do 1 % da poboación, unhas 25.000 persoas en Galicia, e a cifra vai en aumento. Trátase da enfermidade crónica intestinal máis frecuente e para quen a padece existe un único tratamento válido: levar unha dieta libre de glute. Afortunadamente, nos últimos anos as grandes cadeas de distribución alimentaria foron incrementando a oferta de produtos sen glute. Pero o problema, para as persoas celíacas, é que este sinxelo tratamento lles supón un sobrecusto notable na cesta da compra para o que non existe aquí axuda ningunha.

María Couselo, celíaca asegura que "son produtos moito máis caros que os produtos normais, ao longo do ano son 1.500 euros máis na cesta da compra que unha persoa normal, e despois a demanda... cada vez hai máis produtos, máis variedade pero aínda así queda moito aínda por conseguir".

Igualmente quéixanse da dificultade que supón saír comer fóra da casa. E aínda que tamén se avanzou moito no sector da hostalaría, con cociñeiros cada vez mellor preparados e cartas aptas para celíacos, queda moito que avanzar para garantir un xantar seguro.

"Suponse que é obrigatorio, agora teñen que estar reflectidas todas as intolerancias pero tes que fiarte do restaurante que ás veces non é 100% seguro".

Por iso, demandan esa fiabilidade e a posta en marcha dalgunha axuda ou rebaixa fiscal para as persoas celíacas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/05/2019