CRTVG

Buscar

Zigzag Diario

Hoxe faría 95 anos José Saramago

Publicado o 16/11/2017 17:12

Hoxe faría 95 anos José Saramago, escritor, xornalista, poeta e dramaturgo portugués, gañador do premio Nobel de literatura en 1998. Entón, a academia sueca valorou a súa capacidade para volver comprensible a realidade, cunha enorme dose de imaxinación, compaixón e ironía.

Seus pais eran humildes labregos de escasos recursos e iso influíu moito no seu pensamento e obra posteriores. Nos 60 afiliouse ó entón clandestino Partido Comunista e, en 1974, sumouse á Revolución dos caraveis, que levou a democracia a Portugal.

A novela 'O evanxeo segundo Xesuscristo' catapultouno á fama pola enorme polémica que creou: o goberno portugués acusouno de ofensa aos católicos, e Saramago - ateo declarado - abandonou o país e instalouse en Lanzarote. Alí publicou unha das súas novelas máis coñecidas: 'Ensaio sobre a cegueira', que despois foi levada ao cine.

Co Nobel do 98 converteuse no primeiro, e polo de agora único, escritor de lingua portuguesa en conseguilo.

Faleceu aos 87 anos na súa casa de Lanzarote, que está aberta todo o ano ás visitas do público.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Zigzag Diario

16/11/2017