CRTVG

Buscar

Fanse nove anos da desaparición de Sonia Iglesias en Pontevedra

Publicado o 18/08/2019 13:13

Sonia Iglesias desaparece na mañá do 18 de agosto de 2010. Pérdeselle a pista nunha zapatería do centro de Pontevedra a onde chega supostamente en coche coa parella e pai do seu fillo. Tras a denuncia da familia, comeza a busca. O mesmo día, topan a súa carteira na contorna do Vao. Pero nove anos máis tarde, continúan as incógnitas.

A súa parella, Julio Araújo, está baixo sospeita dende o principio. Chegan a imputalo tras un interrogatorio pero a causa arquívase no 2015. Tres anos máis tarde, volve ao centro das pescudas cando os xulgados de Pontevedra ordenan o rexistro dunha vivenda da súa familia no barrio pontevedrés de San Mauro. Rastrexan a casa, na que viviu a parella ao principio da relación, a leira lindeira e o panteón que se atopa preto. Buscaban rastros biolóxicos pero as mostras recollidas non dan resultados concluíntes.

Durante as dilixencias, interrogan a Julio Araújo e un irmán que se acollen ao dereito ao non declarar. De novo, o xulgado arquiva a causa pero a investigación policial continúa. Tamén a loita da familia que cada mes de agosto convoca unha marcha na praza da Ferrería. Desta volta, sairán á rúa o día 30 para lembrar a Sonia e pedir respostas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/08/2019