CRTVG

Buscar

Abre ao tráfico a autovía do Morrazo, que enlaza a ponte de Rande con Cangas

Publicado o 21/06/2019 21:12

Xa está completada a autovía do Morrazo, que enlaza a ponte de Rande con Cangas. Ás cinco desta tarde abriu ao tráfico o último treito, de catro quilómetros, xusto a tempo para o verán.

Adiantáronse á data límite de entrega para que a autovía puidese estar en funcionamento na súa totalidade no verán, cando esperan que practicamente se duplique o tráfico coas entradas e saídas ás praias. Nos últimos meses pasaron polos treitos da autovía que xa estaban abertos unha media duns 16.000 vehículos diarios. Na construción da autovía do Morrazo investíronse 55 millóns de euros para mellorar a seguridade, a mobilidade e tamén o desenvolvemento económico da zona.

Pola mañá celebrábase o acto oficial de inauguración. Un acto en que o presidente da Xunta destacou que a autovía do Morrazo é unha infraestrutura clave para mellorar a competitividade da comarca e que se cumpre así co obxectivo de mellorar a mobilidade das 100.000 persoas que viven no Morrazo.

Noticias web

21/06/2019