CRTVG

Buscar

Hoteis da Costa da Morte agardan colgar o cartel de completo

Publicado o 31/03/2021 15:40

A Costa da Morte é un dos destinos máis demandados para esta Semana Santa. É certo que hai aloxamentos pechados pero as previsións dos que están abertos superan o 80 % de ocupación. A situación é a que é, pero hai boas expectativas para atraer visitantes esta Semana Santa.

"A xente o que busca agora é non estar en aglomeracións, e aquí non hai moitas, así que é o que buscan realmente", afirma Alexandra Rodeiro, do hotel Mar do Ézaro. Abriron en xuño, xa coa pandemia, e para estas datas están por fin completos. 

Segundo un coñecido portal de reservas, o 75 por cento dos aloxamentos da comarca están ocupados, e a porcentaxe sobe dez puntos se falamos de casas ou apartamentos turísticos. 

Con todo aínda hai marxe para reservas de última hora e os establecementos con vacantes agardan completar.

"Tiñamos a incerteza do tempo, pero ao final quedará estupendo así que a ver se conseguimos encher coas reservas de última hora", agarda Sergio Sambade, do hotel restaurante A de Loló. 

Dende aquí animan a vir, e atractivos non faltan. "Temos unha natureza envexable e unha gastronomía impresionante", salienta Xulio Sampedro, xerente dunha casa rural en Cereixo. "E tamén moito patrimonio cultural. Vimianzo é o concello máis megalítico de Europa", asegura.

Noticias web

31/03/2021