CRTVG

Buscar

Hostaleiros e comerciantes alíanse para reclamar ao Goberno axudas directas

Publicado o 18/02/2021 16:29

Hostaleiros e comerciantes alíanse a nivel nacional para reclamarlle ao Goberno axudas directas e manteñen aberta tamén a loita nos xulgados. A Plataforma Hostalería de Todos presentaba as primeiras cen demandas para reclamarlle ás administracións, central e autonómicas, indemnizacións para paliar as perdas ocasionadas pola pandemia.

Relaman danos e prexuízos por peches e limitacións horarias que, din, os están levando á ruína. No Ministerio de Industria iniciaron o camiño cara ao Tribunal Supremo. A estas cen primeiras demandas sumaranse máis, de momento, ata mil.

Diego Solana, avogado da Plataforma Hostelería de Todos: "É unha reclamaciónde 65 millóns de euros para os hostaleiros que estamos representado, pero cada día se suma máis xente neste procedemento".

Basean os cálculos na facturación de anos anteriores.

Begoña Freire, hostaleira: "As expectativas, se non nos axuda o Goberno, estamos falando de que haberá un peche doutros setenta ou oitenta mil negocios este ano".

Con eles contactaron para máis de 500 negocios galegos, que seguen pedindo o rescate na rúa.

Juan Villanueva, voceiro de SOS Hostalería Betanzos: "Seguimos pagando impostos como se estivésemos traballando ao cen por cento. Temos empregados que non cobran ERTE".

Canda o comercio, levan a peor parte nesta pandemia. Varias asociacións asinaron unha alianza a nivel nacional. Pídenlle ao Goberno unha mesa de diálogo e 12.500 millóns en axudas directas para frear a sangría de peches. Pasan por unha situación crítica, en que incide a patronal.

María Helena de Felipe, vicepresidenta de Cepyme: "Nós desde Cepyme pedimos unhas vacacións fiscais de todo o ano 2021".

Hostaleiros e comerciantes estiman que nestes sectores a pandemia levou por diante 148.000 negocios e medio millón de empregos.







 

Noticias web

18/02/2021