CRTVG

Buscar

Hostaleiros do Salnés piden revisar os criterios que marcan as restricións no sector

Publicado o 12/07/2021 14:54

Na hostalería de catro concellos do Salnés tiveron que volver este sábado a rutinas que daban por superadas. A incidencia do coronavirus púxoos de novo no nivel alto e iso implica que os clientes non poden consumir no interior dos locais e as terrazas estarán como máximo a un 50%.

"Eu, dentro do cabe, teño unha terraza ampla pero hai compañeiros que teñen terrazas pequenas e están pior ", di un hosteleiro de Cambados.

A limitación desatou a reacción dos profesionais do sector. Este domingo organizaron un peche e unha marcha de protesta. Co comenzo da temporada turística confiaban en poderse recuperar da crítica situación na que os sumiu a pandemia, pero con isto din que a súa capacidade de resistencia se esgota e os aboca ao peche.

"Co 50% da terraza e dentro nada, eu teño seis persoas traballando e nin para os soldos." "Entra o verán e non podes estar con estas restricións sabendo que a culpa non é nosa porque levamos dous ou tres meses traballando ata unha da mañá e todo estaba saíndo moi ben", manteñen profesionais do sector de Cambados e Vilagarcía. 

Din que, pese a que estea habendo unha repunta da incidencia, a repercusión sanitaria diso non se pode equiparar á doutros tempos porque agora unha gran parte da poboación está vacinada. Por iso piden que o comité clínico revise os parámetros cos que aplica as restricións para que non incidan sempre no mesmo sector.

"Coas fogueiras, co que se fai nas casas, churrascadas... quen controla iso? O único que se controla sempre é o mesmo, hostalería, restauración." "Porque parece que este virus o trasmiten os bares e a hostalería. Vas no metro, nos trens nos avións e hai xente a 'punta pala' e aquí hai corenta e parece que son os infectados."

Noticias web

12/07/2021