CRTVG

Buscar

Hostaleiros de Santiago reclaman un rescate: "Moitos locais non poderán reabrir"

Publicado o 28/10/2020 15:20

Os hostaleiros de Santiago, donos e traballadores de bares, restaurantes e pubs sacaron á rúa as súas protestas e manifestáronse na prazo do Obradorio para reclamar medidas de apoio que impidan a "ruína" dun colectivo seriamente afectado polas restricións que marca a pandemia.

Lucía Vázquez, presidenta da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas de Santiago, explicou en directo no Bos Días que "agora mesmo todos os ámbitos da hostalería somos prexudicados. O cen por cento dos establecementos podemos dicir que estamos a vivir unha crise gravísima, unha situación que nunca antes sucedera".

"Desde os hoteis que están vendo caer as súas reservas, os pubs que están pechados desde o 15 de agosto por orde directa e non poden traballar, ata os cafe-bares e os restaurantes cuns aforos limitados, que é un peche encuberto. E desde marzo ata aquí a situación xa se fai insostible e insoportable", dixo Lucía Vázquez.

"E en contra do que poida parecer, porque as medidas diríxense sempre contra nós, o Ministerio de Sanidade cando saca os datos, vemos que os contaxios nos nosos establecementos son residuais, un 3,5 por cento, mentres un 14 por cento son no eido familiar", manifestaba a respresentante dos hostaleiros.

En Galicia, o sector do ocio nocturno xa pode solicitar as axudas para o alugueiro da Xunta. Forman parte do plan de reactivación ao que o Goberno galego vai destinar máis de 6 millóns de euros. Pero, os hostaleiros piden un plan de rescate directo. 

"Moitos locais non van poder volver abrir as súas portas, e cada día se suman máis. Por iso cremos que é urxentísimo que a Xunta de Galicia tome medidas e propoña un rescate económico real, non limosnas nin parches, porque levamos moitos meses acumulando perdas", reclamou.

Noticias web

28/10/2020