CRTVG

Buscar

Hostaleiros de Compostela recorren no TSXG a orde de peche dos locais nocturnos

Publicado o 28/08/2020 15:00

Un dos sectores que di sentirse máis prexudicado polos efectos da pandemia é o da hostalería. O de Santiago tamén decidiu recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia contra a normativa da Xunta que lles obriga a pechar o ocio nocturno e a limitar horarios. 

Os hostaleiros de Compostela piden suspender a limitación de afluencia, as restricións de horario e o peche do ocio nocturno. E basean o recurso no carácter xeral da norma pactada a mediados de agosto polo Goberno coas comunidades autónomas.

Desde a Asociación Hostalaría Compostela, Lois López defende que "as medidas aplicadas non deben ter un carácter xeneralista nin no Estado nin sequera aquí en Galicia. E sine die"

Avogan por medidas apliclables por zonas, dependendo da incidencia da pandemia. E consideran que a norma os discrimina. 

"É profundamente inxusta e supón un agravio comparativo cos traballadores e empresarios de calquera outro sector económico", asegura a presidenta da Asociación de bares, pubs e discotecas de Compostela, Lucía Vázquez.

Os empresarios agardan que o recurso saia adiante a pesar de que a xustiza ratificou o mantemento das restricións na hostalería da Coruña, e piden diálogo coa Xunta. Din que cumpren coas medidas sanitarias para darlle garantía á súa actividade e lamentan o dano económico que se lle está a facer ao sector.

Noticias web

28/08/2020