Horas decisivas para o futuro de Alcoa: os traballadores xogan as súas últimas cartas
Ánimos e agradecemento nestas horas decisivas en que debería despexarse o futuro da factoría de Alcoa. Os traballadores xogan as súas últimas cartas na negociación do ERE, con dous obxectivos claros: evitar a parada das cubas, que son o motor da fábrica, e os máis de 500 despedimentos.
"Hai un comprador que di que quere mercar coas cubas funcionando e non entendemos por que hai que parar as cubas e crearlle un mal a fábrica", di José Antonio Zan, presidente do comité de empresa.
O comprador é o grupo inglés Liberty House, que presentou un proxecto de compra que os traballadores ven solvente e factible en oito semanas. Pero queren a fábrica en funcionamento, condición que Alcoa, de momento, non acepta, e mentres tanto lanza unha nova proposta: adiar os despedimentos e aplicar un ERTE de dous anos.
"Ou aceptamos ou o aplican, iso non é unha proposta, é unha ameaza", engadiu Zan.
Son horas de moita tensión, en que os traballadores tamén agardan algún movemento do Goberno central e que se convoque de novo a mesa multisectorial para negociar a operacion de venda.