CRTVG

Buscar

Hondarribia gaña a Bandeira da Concha por menos dun segundo

Publicado o 10/09/2018 15:27

Rematamos coa Bandeira da Concha que tivo o desenlace máis apertado da historia. Menos dun segundo separou a Hondarribia de Ziérbena. Entre as galegas, o Náutico de Ribeira foi o terceiro na categoría feminina e Cabo a quinta en masculina. 

Noventa centésimas. Iso separou a Hondarribia de Ziérbena despois de dúas regatas, once quilómetros remando e máis de corenta minutos de pelexa sen tregua. Un suspiro que amosa a grandeza e a miseria do deporte. A gloria para Hondarribia, un equipo que leva confiando os últimos vinte anos nunha mesma forma de traballar, centrados na canteira, e que levou o premio gordo desta temporada. 

Cabo soñaba con entrar no podio, pero os favoritos impuxeron a súa lei e acabou no quinto posto, igualando a súa mellor clasificación histórica nunha regata da Concha.

Tamén soñaba coa vitoria o Náutico de Ribeira en categoría feminina pero San Xoán venceu nun campo que coñece á perfección acadando o quinto triunfo consecutivo. Ribeira acabou na terceira posición gardando unha experiencia que, seguro, lle serve no futuro para mellorar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/09/2018