CRTVG

Buscar

Homenaxe no Centro Galego de Avellaneda de Bos Aires ás mulleres galegas

Publicado o 10/03/2019 20:50

Na Arxentina, o Centro Galego de Avellaneda acaba de entregar os seus Premios A barca de Sálvora, unha distinción coa que homenaxearon tres mulleres galegas que dende a emigración traballan arreo para manter viva a nosa cultura en América. 

Salón ateigado no Centro Galego de Avellaneda, o máis antigo da Arxentina con case 120 anos de historia, para homenaxear a muller galega. Ás da Galicia territorial, con mencións a Rosalía de Castro ou María Pita, entre outras. Pero tamén a tres migrantes que traballan, día a día, aquí na Arxentina para difundir a nosa cultura.

Josefa, Chiqui e Susi foron as primeiras en recibir A barca de Sálvora, un recoñecemento co que esta institución premia as galegas que estimularon o sentimento de pertenza a Galicia das segundas xeracións na Arxentina.

María Jesús 'Susi' Rodríguez, premio A barca de Sálvora 2019: "Unha grande emoción, algo inesperado e case inmerecido, porque hai moita xente na colectividade que traballou moitísimo tamén".

Josefa Veiga Vila, premio A barca de Sálvora 2019: "Estou nun coro, estou en Papelavós e vou ás cantareiras da Federación".

María Teresa 'Chiqui' Mosteiro, premio A barca de Sálvora 2019: "Fixen todo o que puiden por Galicia e fíxeno con amor".

O galardón evoca as heroínas do Santa Isabel, que con coraxe se botaron ao mar para salvar os superviventes dun naufraxio fronte á illa de Sálvora. Unha loa ás nosas mulleres da diáspora que promete máis edicións.




 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/03/2019