CRTVG

Buscar

A Revista

Homenaxe en Bos Aires a mestres galegos pola súa achega á cultura galega

Publicado o 24/04/2017 12:45

As novas xeracións de galego-arxentinos homenaxearon en Bos Aires catro baluartes da cultura galega no país austral. Mestres avantaxados de Friol, Chantada, da Costa da Morte e Ourense respectivamente, e que con paciencia formaron ducias de cativos na cultura dos seus ancestros.

Din que a cultura ademáis de sentila hai que practicala, e iso promulgan Xesús Pérez Longarela, Elías Filgueiras, Camilo Deus e Antonio Trigo, catro embaixadores de Galicia en Bos Aires e responsables anónimos, en parte, de que hoxe A Arxentina siga sendo tan galega.

A súa destacada labor como formadores de músicos e activos participantes das actividades folclóricas e tradicionais galegas en diversas institucións da diáspora fíxoos merecedores dunha homenaxe por parte de quenes se consideran os seus herdeiros.

Javier Vence, integrante da comisión organizadora

"Para nos son catro guieiros da música galega aquí en Bos Aires e na Arxentina. O que temos é un respecto moi grande porque son para nos a imaxe de Galicia, pero a imaxe dos nosos pais".

Pérez Longarela foi o precursor na introducción de gaiteiras nos conxuntos nun tempo en que era territorio de homes.

Jesús Pérez Longarela, gaiteiro homenaxeado

"Despois de que eu fixen as primeiras gaiteiras, tódolos clubes se preocuparon por ter gaiteiras e hoxe hai gaiteiras en todas as partes do mundo onde hai emigración galega".

Trigo exerceu como cofundador de diversas agrupacións na Arxentina, e tanto Camilo Deus coma Elías Fernández deron todo para manter viva Galicia na quinta provincia.

Para todos eles, o máis importante é ver como as súas ensinanzas hoxe teñen réplica nas novas xeracións.

Elías Filgueiras, percusionista homenaxeado

"Galicia pode estar moi tranquila de que entre as remesas que hai hoxe en día hainos moi bos e non se van a perder os costumes".


Antonio Fernández Trigo, cantor e bailador homenaxeado

"Ti sabes o que é que así rapaciños que eu ensinaba a bailar e velos agora homes, coas nais, e velos cos fillos".

Camilo Deus, gaiteiro homenaxeado
"É unha satisfacción porque seguen os mesmos pasos ca min".

O momento máis emotivo da homenaxe foi a entrega dunha medalla e unha bandeira galega por toda unha vida dedicada a Galicia.

E como non podía ser doutro xeito, os alumnos aventaxados destres mestres de excepción deron o remate recreando o xeito das danzas galegas que se bailaban nos 70 ás beiras do río da Prata.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

24/04/2017