CRTVG

Buscar

A Revista Fin de Semana

Homenaxe á xeración perdida de San Cosme do Irixo na construción do túnel do tren nos anos 50

Publicado o 28/04/2018 12:50














Toda unha xeración de homes perdeuse no Irixo coa construción do túnel de San Cosme-Abelenda. Uns centos de metros nos que máis dun cento de homes desta aldea e dos arredores deixaron, uns a vida e outros a saúde, e hipotecaron o futuro dos seus. Os veciños do Irixo, afectados ou non, queren renderlles homenaxe HOXE Á UNHA DA TARDE. A efixie dun mineiro vai lembrar o sacrificio destes homes no adro da igrexa de San Cosme.

Esta estampa idílica dunha das entradas do túnel de San Cosme-Abelenda, no Irixo, na liña Zamora-Santiago, non transloce a traxedia que significou a súa apertura en 1958.
Calcúlase que un cento dos homes que o abriron con só picos e pas e algo de dinamita morreu pola súa causa: uns no seu interior onde os accidentes eran habituais, outros pola silicose, enfermidade respiratoria derivada de pasar moitas horas en contacto co po de sílice. Uns morreron no momento, outros tiveron anos de sufrimento.
O voceiro dos afectados por estas mortes, Manuel Cerdeira, e o sacerdote natural de San Cosme, José Castro, contan que case todos os mozos da parroquia daqueles anos morreron na construcción antes de cumprir os 40 e falan dunha xeración enteira perdida.
A construción deste treito de vía entre O Carballiño e Santiago, nos anos de posguerra, trouxo a promesa dunha vida mellor cun traballo remunerado a esta zona rural e castigada. A mocidade de San Cosme e tamén das parroquias lindeiras deixaron leiras e gando para empuñar pico e pa durante anos de interminables e fatigosas xornadas de traballo. Ata os máis novos podían traballar de pinches como Eligio Domínguez que traballou desde os 16 aos 21 como axudante dun tractor e na escombreira. A maioría, como o home de Carmen entraron a traballar de mineiros porque non había cartos pero despois do pico e da pá collían o sacho e ían para a horta. Di Manuel que cantas máis horas traballaran máis cartos gañaban co que máis horas pasaban en contacto co sílice e daí tanta morte. José lembra que se asfixiaban e non había nin para un abanico co que darles aire.
O home de Felisa sufriu anos as secuelas do traballo malia que ao ser ferreiro tamén traballaba no exterior do túnel. Cando enfermou, axiña cobrou o subsidio pero só eran 80 pesos da época etiñan un rapaz de 14 anos.
Carme, tamén viúva con pouco máis de 30 anos, e Emilio, orfo de pai aos 8 anos, lembran, emociónanse e conservan como ouro en pano as fotos dos seus finados. A neta de Carme conta que o seu avó xa deixara o túnel pero tivo que volver cando a muller enfermou. Emilio pouco lembra de seu pai agás que cando entraba na casa enchía toda a porta.
A maior parte está enterrada neste cemiterio parroquial de San Cosme, onde naceran. Tiñan entre 25 e 40 anos. Poucos pasaron desa idade nesta aldea. E esta peaña xa está preparada nun lateral da igrexa para lucir desde este sábado a estatua dun mineiro en cariñosa homenaxe de familiares e veciños de todos eles, coa presenza de varias xeracións dos descendentes como Uxía que xa ten preparado un discurso, inspirada na súa avoa que nunca perdeu o sorriso e puido sacar adiante soa a unha filla.
A cita de todos os que queiran coñecer a historia de cada un destes traballadores anónimos é este sábado 28 de abril á unha da tarde. A emoción, seguro, ha rebordar os vellos muros da igrexa de San Cosme do Irixo que os propios veciños restauraron... como queren facer agora coa memoria da súa xeración perdida.