CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Homenaxe a Castelao na Arxentina no aniversario do seu pasamento

Publicado o 08/01/2016 15:24

En Bos Aires, a colectividade galega da Arxentina homenaxeou a figura do escritor e político galeguista Alfonso Rodríguez Castelao no 66 aniversario do seu pasamento.

"Neste cuarto do Centro Galego de Bos Aires falecía un 7 de xaneiro de 1950 Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das figuras máis relevantes da historia de Galicia a quen, no 66 aniversario do seu pasamento, rende homenaxe a colectividade galega residente na Arxentina", cóntanos Cristina Terceiro

Non faltaron as ofrendas florais ante o seu busto, tampouco o himno galego tocado por un grupo espontáneo de gaiteiros e recitado pola coral do Centro Galego xunto aos asistentes a este acto na honra dun home cuxo labor marcou para sempre Galicia.

"A figura de Castelao pois tiña ese don, o don de congregar e de ser un referente, un guieiro", conta Carlos Brandeiro - Director do Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol

Un guieiro no eido político, social e cultural a quen tamén recordaron dende a Federación de Sociedades Galegas da Arxentina na praza porteña que leva o nome do considerado como un dos país do nacionalismo galego.

"Diriamos o político superior. Non era nada revolucionario nin era home de discursos violentos pero el tiña un concepto de Galicia diferente", explica Paco Lores, presidente da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina.

Para os galegos da diáspora non se conmemoraba o pasamento de Castelao, senón que se celebraba o seu paso á inmortalidade.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí