CRTVG

Buscar

Homenaxe a Carvalho Calero, no Día das Letras, que terá continuidade en outubro

Publicado o 17/05/2020 21:44

Ricardo Carvalho Calero, o autor homenaxeado neste singular 17 de maio, non quedou sen o tributo da Real Academia Galega. Foi cun emotivo acto ás portas da casa que o escritor ferrolán tiña en Santiago.

A homenaxe estivo marcada por estes tempos de excepcionalidade relacionados co coronavirus. A Real Academia Galega lembrou hoxe a figura de Ricardo Carvalho Calero cun tributo simbólico consistente nunha ofrenda floral, un anticipo do acto académico que terá lugar o 31 de outubro en Ferrol, que é a data a que se trasladou este ano a verdadeira celebración do Día das Letras Galegas.

A ofrenda, na que soou a gaita tocada por Susana Seivane, realizouse diante do que fora o domicilio de Carvalho Calero durante moitos anos, na rúa da Carreira do Conde de Compostela. Alí residiu, sendo xa catedrático de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Santiago, un autor de proxección multixenérica, con obra nos eidos do ensaio, a narrativa, a dramaturxia e a poesía. Precisamente esta última vertente, a poética, foi protagonista coa lectura duns versos do autor nado en Ferrol.

A Real Academia Galega mantén un tributo a Carvalho Calero na rede ao longo do ano, que inclúe distintos portais na súa web. Neles aparecen atractivas actividades para cativos e público adulto, con contidos descargables e con entrevistas dixitais ou achegas diversas sobre a súa obra filolóxica e literaria. Como xa anticipara a Academia, este é un 17 de maio para vivir activamente a través da Internet.

A cita académica adiada para o 31 de outubro no teatro Jofre de Ferrol coincidirá co cento dez aniversario do nacemento de Ricardo Carvalho Calero, un autor que permanece no imaxinario cultural galego como o que máis decididamente tendeu pontes cara á outra beira do Miño, co mundo da lusofonía.

Noticias web

17/05/2020