CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Homenaxe a Ana Kiro esta noite no programa 'Inimitables'

Publicado o 06/09/2016 15:25



Este mes fai seis anos da morte de Ana Kiro e o programa Inimitables, desta casa, vainos achegar a vida e o mito dunha muller que foi moito máis que a raíña das romarías, e das cancións para os emigrantes. Veremos á Ana Kiro que reivindicaba o uso do galego na industria musical, e o papel da muller nela.



O programa Inimitables dedica a súa terceira emisión a Ana Kiro, cando están a piques de cumprirse os seis anos do seu falecemento. Mediante conversas cos seus amigos máis íntimos, cos seus familiares, fans e colaboradores, amosa distintos aspectos da vida desta artista, unha das máis lembradas e queridas da música popular galega.

O programa transcorre na casa de Ana Kiro en Mera, e inclúe conversas divertidas e cheas de emoción dos seus achegados, lembranzas persoais que completan a súa biografía máis alá dos platós de televisión e dos escenarios nos que transcorreu a súa vida profesional.



A música é outra das pezas fundamentais deste programa. As cancións máis coñecidas de Ana Kiro soarán na súa propia voz e tamén interpretadas polos artistas convidados: Lucía, Eva Iglesias, Tonhito de Poi e Marietta e Fernando Marán. Esta noite, Inimitable: Ana Kiro.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí