CRTVG

Buscar

Hamás anuncia unha nova intifada por recoñecer Xerusalén como capital israelí

Publicado o 07/12/2017 15:09

Hamás chama os palestinos a unha nova Intifada, e o exército israelí reforza o seu despregamento nos territorios ocupados. A decisión de Donald Trump de recoñecer Xerusalén como a capital de Israel ameaza con provocar unha escalada de violencia en Oriente Próximo.

Os primeiros disturbios xa se produciron nada máis coñecerse o anuncio de Trump.

O presidente norteamericano, con esta sinatura, comunicaba o traslado da embaixada dos Estados Unidos de Tel Aviv a Xerusalén e o recoñecemento unilateral da cidade santa como capital israelí, e de maneira tácita dos seus dereitos sobre a cidade ocupada.Cumpría así unha promesa electoral e desda maneira desataba as iras en todo o mundo islámico.

Para o presidente palestino, Mahmud Abbas, a decisión de Trump vai acabar cos esforzos por lograr a paz.

Dende as filas de Hamás chamaban á resitencia. O seu líder, Ismail Haniyeh, pedía que este venres se converta nun día de furia, no que se inicie unha nova Intifada.

Polo momento, a de hoxe é unha xornada de folga xeral, iniciouse con relativa calma, cos comercios pechados nos territorios ocupados, pero co paso das horas xa comezaron a producirse os primeiros enfrontamentos, como ocorreu nas rúas de Belén.

Mentres, Israel mobilizaba reforzos en Cisxordania, en previsión dun incremento da violencia. O primeiro ministro, Netanyahu, saudou a decisión de Trump e dixo que outras nacións seguirán o exemplo norteamericano e que se verán outras embaixadas en Xerusalén.Non obstante, polo momento non é así e desde a comunidade internacional, incluso desde estreitos aliados dos Estados Unidos, só se escoitaron críticas á decisión de Trump.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/12/2017