Dez detidos nunha operación antidroga en varios puntos de Ourense, Pontevedra e León
As forzas de seguridade detiveron hoxe polo menos dez persoas na provincia de Pontevedra, Ourense e na de León nunha operación contra o narcotráfico que continúa aberta. Os axentes rexistraron varias vivendas dun clan familiar en Poio que leva baixo sospeita xa desde os anos 90.
Trátase dunha operación antidroga conxunta en que traballan a Garda Civil e a Policía Nacional.
Tamén se levaron a cabo varios rexistros en Pontevedra cidade, no concello de Mos, no de Ourense e tamén no de Poio.
Precisamente nese concello de Poio, en Campelo, concentráronse a maior parte dos rexistros. Alí o operativo causou grande expectación, xa que chegaron a estar despregados ata unha decena de vehículos policiais.
Á fronte do dispositivo están efectivos da UCO da Garda Civil e da Unidade de Delicuencia e Crime Organizado da Policía Nacional.
Nas inspeccións tamén participaron cans adestrados para detectar droga que puidese estar agochada ou enterrada nestas propiedades.
O operativo busca desmantelar o clan de narcotraficantes dos Ferrados, que, segundo as forzas de seguridade, operaba por diversos puntos da nosa comunidade.
A operación, que está baixo segredo de sumario, segue aberta e poderían producirse máis rexistros e detencións. Nela, os efectivos incautaronse de cocaína, heroína e haxix.