CRTVG

Buscar

Hai un ano atopábase o corpo de Diana Quer tras máis de 500 días na nave de Asados

Publicado o 01/01/2019 13:53

O ano comezaba co pequeno alivio de coñecer onde estaba o corpo de Diana Quer. Pasara máis de 500 días somerxido nunha nave de Asados, ao carón da casa dos pais de Enrique Abuín, o asasino confeso. O Chicle leva un ano no cárcere. Os pais de Diana Quer non deixaron de pedir para el en todo este tempo a prisión permanente revisable.

O primeiro de xaneiro de hai un ano amencía coa conmoción do levantamento do cadáver de Diana Quer. A súa localización na nave de Asados fora posible grazas a que o asasino confeso, Enrique Abuín, tentou secuestrar unha rapaza en Boiro. Foi esa tentativa a que serviu para interrogalo a el e á súa muller.

Garda Civil: "Porque a rapaza que ía manipulando o móbil cando se sente agredida bota o móbil cara ao seu peito e accidentalmente pulsa o botón de gravar no WhatsApp".

O cadáver de Diana permaneceu oculto máis de 500 días nunha nave en Asados, ao lado da casa dos pais de Enrique. Estivo nun pozo de dez metros de auga potable cuberto por unha prancha de formigón.

Garda Civil: "Está lastrado, ten atadas á cintura dúas cordas e cada lado dous ladrillos. Alí recuperaron varios obxectos como o bolso, unha corda ou ben para atar as mans ou ben para afogala. Iso terá que dicilo a autopsia".

O 1 de xaneiro de 2018, o corpo de Diana xa estaba no Instituto Forense Galego en Santiago de Compostela. Ao tempo, Juan Carlos Quer asumía a traxedia en Galicia.

O autor confeso, Enrique Abuín, pasaba a disposición xudicial. Agora fai un ano na cadea. Nestes momentos está á espera de xuízo en León. Un ano en que os Quer López-Pinel piden reiteradamente a prisión permante revisable ao tempo que loitan para que esta non se derrogue. Juan Carlos Quer inisiste en que ningún delincuente que non estea rehabilitado pode saír do cárcere e pon como exemplo o asasino confeso de Laura Luelmo.








 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

01/01/2019