Hai risco de derrubamento do delta formado pola lava na Palma
Os expertos miran con preocupación cara aos quilómetros de terreos que a lava vai gañando ao mar. Ven risco de derrubamento do delta lávico que se está formando en Tazacorte, se a colada segue avanzando cara a cotas máis profundas do océano Atlántico.
A ruptura iría acompañada de liberación brusca de gases e grandes ondas. Con todo, as autoridades chaman á calma da poboación porque din que os seus efectos, en principio, non serían devastadores.
"Se temos algún problema será in situ e nun contorno moi próximo a onde se produce a ruptura da fajana e que está evacuado", di Miguel Ángel Morcuende, director técnico do PEVOLCA.
Mensaxe tamén alentadora a dos científicos que estudan a acidez da auga tras a chegada da lava. "Non son condicións extremas. Vimos peixes a unha distancia relativamente curta do que é a fronte da lava", asegura Melchor González, catedrático de Química Mariña.
Estímase que esta cornixa de lava superou as corenta hectáreas de superficie e xa alcanzou o límite da plataforma insular.