Hai máis de cen brotes activos en España
A partir deste luns, a máscara vai ser obrigatoria en Aragón tamén en espazos abertos e aínda que se poida manter a distancia social. Unha medida xa aprobada en Cataluña, as Baleares ou Estremadura, á que Andalucía tamén podería dar o visto e prace mañá, e que está en estudo noutras rexións, como Asturias ou Cantabria.
O propósito é frear a aparición de focos. Hai máis de cen activos no conxunto de España.
A situación que máis preocupa é a de Cataluña, onde onte informaron de 361 positivos novos e nove falecementos. Lleida, e, concretamente, a comarca de El Segrià, é a área máis afectada, cunha vintena de focos que dobraron o número de ingresados nos hospitais en poucos días. Pero a vista está posta tamén noutros brotes, como o detectado en L'Hospitalet, en Barcelona, que acumula máis dun cento de contaxiados.
A orixe dunha parte importante dos focos que se veñen detectando por toda España está en reunións sociais.
En Pamplona, por exemplo, xurdiu un brote tras un xantar de San Fermín. De momento, hai oito infectados, pero están investigando os contactos. Na mesma comunidade xa había outro foco importante, con máis de trinta contaxiados confirmados e un cento de persoas illadas, que apareceu tras a celebración dunha voda en Tudela.
Un dos rebrotes que segue medrando en Andalucía tamén tivo por orixe un velorio, e o de Ordizia, no País Vasco, igualmente en crecemento, asóciase ao ocio nocturno.