CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía FDS

Hai galegos loitando contra Napoleón estes días na recreación de Waterloo

Publicado o 20/06/2015 14:58
Varios grupos galegos participan estes días en Bruxelas na recreación da batalla de Waterloo. Máis de cinco mil figurantes chegados de toda Europa conmemoran os douscentos anos da derrota de Napoleón. Entre eles, un descendente do único español que participou na batalla.

A uns vinte quilómetros de Bruxelas, na localidade de Waterloo, máis de cinco mil soldados, cen canóns e trescentos cabalos, reviven a que foi a derrota de Napoleón a mans dunha coalición de tropas europeas en 1815. Entre os recreadores, hai galegos. Viven como o fixeron hai douscentos anos aquí os douscentos mil soldados que combateron na batalla. Participa tamén nos actos de conmemoración do momento que cambiou a historia de Europa, Gonzalo, descentente do único español que loitou en Waterloo, o xeneral Álava.

"Recuperar a súa figura e o papel importantísimo que xogou, non? como man dereita na sombra de Wellintong en toda a construcción destes exércitos aliados que acabaron coa ilusión dun emperador que sembrou de destrucción Europa", dicía Gonzalo Serrats desde Bruxelas.

Durante quince anos, recuperou máis de catro mil cartas que atopou na vivenda familiar. Eran as que se intercambiaron o duque de Álava e o de Wellington. Entre outras historias, aparece a relación de Galicia con ese momento da historia, co final do soño de Napoleón de conquistar Europa.

"Hai moitísimas cartas vencelladas co que era o capitán xeral da rexión de Galicia. O xeneral Álava tivo moitísima complicidade con él." Asegura o historiador Serrats.

Ata o domingo, a batalla de Waterloo volverá librarse de novo. Douscentos anos despois, Francia volverá perder. Quizáis por iso, o país galo non participa na conmemoración da batalla que durou algo máis de dez horas.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí