Hai escaseza de man de obra no trasnporte de mercadorías: só un 2% dos que conducen camións son mulleres
As empresas buscan condutores de camións e non os encontran con facilidade. As causas son varias. A primeira, é caro sacar o carné e, sobre todo, os cursos de capacitación.
Pero tamén inflúe a situación laboral do sector, menos atractiva que hai uns anos. Os soldos son baixos e os tempos de carga e descarga non están ben regulados.
Sonia é unha das poucas mulleres que conducen camións, só ocupan un 2 por cento en España, tamén en Europa. Pola súa experiencia, 25 anos ao volante, pensa que as condicións de traballo non son doadas.
Cífranse en 15.000 os camioneiros que fan falta a día de hoxe en España, e para reverter a situación o sector pide axudas para abaratar e estender a formación.
A media de idade dos camioneiros supera os 55 anos, así que é previsible que nos próximos anos aínda sexa máis alta a demanda de condutores neste sector.