Hai cen anos naceu en Fisterra o creador do futbolín, Alexandre Campos
Para os afeccionados ao futbolín é un día especial. Alejandro Finisterre, o creador do popular xogo de fútbol de mesa, faría hoxe cen anos. Despois de moitos anos exiliado en América do Sur, contan que o propio autor se sorprendeu do éxito que chegara a ter aquí o seu invento.
Estudaba en Madrid cando quedou ferido nun bombardeo da guerra e foi, ao parecer, durante a convalecencia no hospital cando coa axuda dun carpinteiro ideou o seu primeiro futbolín e chegou a patentalo. Pero foi logo, durante o seu exilio en América do Sur onde o inventor de Fisterra, amais de dedicarse á creación literaria, seguiu perfeccionando e patentando o xogo.
O que el non soubo ata que volveu de novo nos anos 60 é que destoutro lado do oceano o seu invento tamén seguía vivo e tiña moreas de afeccionados.
E aínda hoxe, 22 anos despois da morte do seu creador, pese a competencia dos xogos dixitais, o futbolín segue despertando paixóns e conquistando novos afeccionados.