CRTVG

Buscar

Hai 33 concellos en alerta vermella pola covid-19, tras a saída de Teo, Ribadavia, Tui, A Guarda e Ribadumia

Publicado o 14/11/2020 12:28
Hai 33 concellos en alerta vermella pola covid-19, tras a saída de Teo, Ribadavia, Tui, A Guarda e Ribadumia

Tras a saída de Teo, Ribadavia, Tui, A Guarda e Ribadumia, os municipios en alerta vermella no mapa de alertas do Sergas pola incidencia da covid-19 son 33. Tres municipios menos ca o venres.

Hai dous concellos, Tomiño e Moaña, que volven ao seu grao máximo de aviso. Así figura na actualización deste sábado, na páxina web da Consellería de Sanidade. 

Por outra banda, Xinzo de Limia sería o único concello da provincia de Ourense en grao máximo de aviso, tras a retirada de Ribadavia deste grupo. 

Pontevedra é a provincia con máis concellos en vermello, quince en total. Entre eles, A Estrada, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Pontevedra, Poio, Sanxenxo, Marín, Redondela, Vigo, Nigrán, Mos, Moaña, Ponteareas, Tomiño e O Porriño.  

Na Coruña mantéñense en alerta vermella Ferrol, Narón, Arteixo, Culleredo, Cambre, Oleiros, Coristanco, Carballo, Malpica, Ribeira, Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Vimianzo. Son trece en total.

Entre os municipios que se sitúan neste nivel de alerta na provincia de Lugo, están: a propia capital provincial, Vilalba e Chantada.   

Por outra banda, este sábado hai 30 concellos en alerta laranxa, catro máis ca o venres pasado. En Ourense quedaría a cidade das Burgas, o Barco de Valdeorras e Ribadavia; Viveiro, Guntín, Monforte e Sarria en Lugo. Fene, Bergondo, A Laracha, Ordes, Pontedeume, Sada, A Coruña, Laxe, Santa Comba, Ordes, Santiago, Ames, Teo, Porto do Son e Boiro, na Coruña. E en Pontevedra: Meis, A Guarda, Ribadumia, Tui, Cangas, Caldas de Reis, O Grove, Soutomaior e Salceda de Caselas.