CRTVG

Buscar

A área sanitaria da Coruña é na que máis aumentan os casos activos de coronavirus, 69 nas últimas 24 horas

Publicado o 10/08/2020 16:32

• Os gromos máis preocupantes son os de Vimianzo e Arteixo

• No CHUAC hai 16 pacientes ingresados, 15 deles en planta e 1 na UCI

• A Coruña afronta as novas restricións sen incidencias: os cidadáns respectan as normas

 

A día de hoxe dos 670 casos activos por covid-19 rexistrados en Galicia máis da metade, 371, corresponden á area sanitaria coruñesa. Unha cifra que se disparou nos últimos días de xeito exponencial en comparación co resto de áreas galegas.

Nestes momentos hai 16 pacientes ingresados no CHUAC, 15 deles en planta e 1 na UCI. O gromo detectado na residencia DomusVi de Matogrande a fin de semana mantense con tres positivos e segundo informan desde o centro todos os residentes do módulo afectado permanecen illados e continúan a facerse probas ao resto de usuarios e traballadores.

Desde o venres pasado en toda a área sanitaria están prohibidas as saídas e visitas. Tamén están pechados os centros de día, sector que xa manifestou o seu malestar por esta decisión. Coas limitacións de ocupación de novo ao 50%, comercio e hostalaría reséntense.

Amais na hostalaría as restricións son máis estritas con horarios limitados e peche do ocio nocturno.

Os hostaleiros falan de caída en picado da facturación en pleno de mes de agosto e anuncian medidas contra a decisión da Consellería segundo afirma Héctor Cañete, presidente da Asociación Provincial de Hostaleiros.

As restricións impostas na área sanitaria da Coruña serán revisadas por Sanidade este mércores.

Noticias web

10/08/2020