CRTVG

Buscar

Habitantes de La Laguna saen das súas casas ante o temor de que a coada chegue á vila

Publicado o 02/10/2021 09:23

• Dúas coadas avanzan a gran velocidade ameazando a poboación

• A lava arrasou xa máis dun milleiro de edificios na illa da Palma

Unha nova boca abriuse nas últimas horas na zona volcánica de Cumbre Vieja, na Palma. Dúas novas coadas de lava, moi fluídas, avanzan agora a gran velocidade ameazando a poboación de La Laguna e empeorando a calidade do aire.

O persoal experto baralla a posibilidade de que as coadas acaben xuntándose cos ríos de lava vellos. Porén, ante o temor de que se desvíen cara a La Laguna, moitos dos seus habitantes empezaron a empaquetar as súas cousas ou a trasladarse á segunda vivenda.

O vento do norte amainou. Iso quere dicir que a nube tóxica empeza a concentrarse enriba da illa. Todos os estudos vulcanolóxicos apuntan a que esta erupción vai continuar aínda.

Cinza e lava

A cinza expulsada dende o inicio, o 19 de setembro, esténdese por unha superficie de 3.304 hectáreas. Así consta na última actualización do sistema de satélites europeo de monitoraxe terrestre Copernicus, con datos solicitados na tarde deste venres.

No mesmo informe, certifícase unha redución sensible da superficie ocupada pola lava, incluído o terreo que gañou ao mar desde a noite do día 28. Pasa das 709 hectáreas ás 367,3.

En canto ás edificacións afectadas polas coadas, mantense o cálculo de 1.005, aínda que se elevan a 880 as que quedaron completamente destruídas, dez máis en comparación co anterior reconto.

O número de quilómetros de estradas afectadas aumenta ata os 30,7, dos cales 28,3 foron destruídos polo paso da lava. Ademais, nas últimas 24 horas rexistráronse 12 tremores de pouca intensidade. Este domingo, o presidente Pedro Sánchez viaxa de novo á illa.