CRTVG

Buscar

O PPdeG rexeita a comisión de investigación sobre as residencias que pedía o BNG

Publicado o 22/09/2020 20:50

O PP vota en contra de financiar as máscaras para os centros escolares

• Unanimidade para solicitar ao Estado un permiso retribuido para pais con fillos en corentena


 

Primeiro pleno da lexislatura en Galicia coa pandemia da covid-19 como asunto central dos debates. Hai 20.000 persoas en Galicia vivindo en residencias da terceira idade. Unha poboación especialmente vulnerable ao virus da covid-19.

O BNG pediu crear unha comisión de investigación para aclarar as circunstancias nas que se produciron mortes polo coronavirus neses centros. Din que as residencias privadas fan negocio coa vellez. Tiveron o apoio dos socialistas nesta reclamación.

O voceiro popular sinalou que o 45% das mortes pola COVD en Galicia se produciron nas residencias, un asunto grave pero que non ten comparación con outras comunidades, en que as mortes de maiores chegaron ao 80 por cento do total. Están de acordo en mellorar a xestión das residencias en todo o posible, pero a través dunha comisión de estudo, máis eficaz que as de investigación.

Pedro Puy recordoulles aos grupos da oposición que o regulamento da cámara lles permite crear unha comisión de investigación aínda sen contar coa maioría.

Unanimidade para solicitar ao Estado un permiso retribuido para pais con fillos en corentena

PPdeG, BNG e PSdeG votaron a favor de que a Xunta aprobe axudas directas para o coidado de menores e dependentes e se dirixa ao Goberno central para que lance un permiso retribuido para pais cuxos fillos teñan que gardar corentena.

Tratábase dunha proposición non de lei (PNL) do BNG que contemplaba axudas directas á conciliación por parte da Administración galega e a creación "dun servizo público de canguros" para as familias. Con todo, este segundo punto caeu co voto en contra do PPdeG, que si conseguiu introducir unha transacción para solicitar a aprobación do permiso retribuido a nivel estatal.

A encargada de defender a iniciativa foi a deputada do Bloque Olalla Rodil, quen cualificou como "débil" o sistema público de coidados, á vez que advertiu que os peches de instalacións derivados da crise sanitaria do coronavirus e a corentena imposta a alumnos contaxiados da covid "supoñen unha perda de salario para moitos fogares que agora mesmo é inasumible".

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Noa Díaz puxo o foco en que a dicotomía entre traballo e familia "non afecta por igual a mulleres e homes". Así, tomou como fonte o Instituto Galego de Estatística (IGE) para sinalar que o 14,85 por cento das mulleres piden unha redución de xornada no traballo para coidar dos seus fillos fronte ao 5,06 por cento dos pais. Tras lembrar que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, prometeu no seu discurso de investidura unha "profundización na conciliación máis aló da escola infantil", preguntouse: "Canto imos ter que esperar para ver isto? Anos? Non os temos".

Por parte dos populares, Alberto Pazos Couñago cualificou de "incuestionable" o compromiso do seu partido "co benestar" dos galegos e destacou proxectos do Goberno autonómico como as 'casas niño', o 'bono concilia', que tivo unha edición "extraordinaria" durante o peche de instalacións durante a pandemia, e as axudas da 'tarxeta benvida' para os recentemente nados. "Todo isto decidiron esquecelo. Porque unha cousa é que nos pareza insuficiente, que aspiramos a máis, e outra que vostedes se atrevan a falar dunha nula planificación en conciliación. Iso é unha falsidade", esgrimiu.

O popular tamén dixo que a proposta de crear un servizo público de canguros "non é razoable". "Cantas persoas hai que contratar? Onde son necesarias? Durante canto tempo? Que cualificación lles pedimos? Que formación COVID teñen que ter? Que decisións médicas teñen que facer?", cuestionou, tras o cal afirmou que "os pais o que queren é coidar e atender aos seus propios fillos".

O PP vota en contra de financiar as máscaras para os centros escolares

O Parlamento de Galicia rexeitou este martes, cos votos en contra do grupo maioritario do PPdeG fronte ao apoio da oposición, unha proposición non de lei presentada polo BNG que reclamaba que a Xunta custease as máscaras que deben empregar obrigatoriamente os nenos galegos para acudir aos centros escolares.

En concreto, a iniciativa rexistrada pola formación nacionalista instaba o Goberno galego a asumir as súas competencias educativas e “facerse cargo” do custo destas máscaras “por ser un elemento imprescindible para garantir o dereito fundamental á educación”, xa que sen as mesmas non se pode acceder aos centros educativos.

Con todo, a negativa do grupo do PPdeG impediu que prosperasen estas reclamacións, despois de que o parlamentario Ovidio Rodeiro expuxese que o uso de máscaras ten un “impacto económico” nas familias anterior ao comezo da actividade escolar, dado que son obrigatorias en calquera outro contexto. 

Noticias web

22/09/2020