CRTVG

Buscar

Con 115 casos activos, Guitiriz é o concello coa incidencia máis alta de coronavirus

Publicado o 17/02/2021 15:07

Guitiriz é, agora mesmo, o concello galego coa maior incidencia da covid. Considérase risco extremo unha incidencia de máis de 250 e Guitiriz está en 2.141 casos por cada 100.000 habitantes. Sumou 115 casos diagnosticados nos últimos 14 días.

Hai dous factores que poderían explicar esta explosión de positivos. Por un lado, están mirando se se atopa a cepa británica: nos cribados detectáronse cinco mostras compatibles con esta variante, máis contaxiosa. Por outro, o gromo está afectando escolares e a poboación é máis nova, a maioría asintomática, o que puido acelerar a propagación do virus.

Guitiriz multiplicou os positivos en pouco tempo. Hoxe ten 110 casos activos máis que hai tan só 15 días. No punto de mira, as mostras detectadas, compatibles coa variante británica. O xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, explica que "o que nos di, como no resto de Galicia é que está circulando esta cepa".

Entre os contaxiados hai escolares, asintomáticos, o que tamén pode estar acelerando a propagación do virus.

"Eu teño unha filla dunha curmá do meu marido que está ela, o marido e as nenas", di unha veciña.

Aumentan os casos e hai menos xente na rúa. "Non saír da casa, máis que para o necesario", apunta este veciño.

A concienciación veciñal e o control exhaustivo, van dando resultados. Ramón Ares avanza que  "seguen aparecendo casos. Son contactos estreitos dos casos xa coñecidos, moitos deles estaban en corentena, co que xa tiñamos cortada a cadea de transmisión. E tamén é verdade que imos vendo como o número de casos novos que van aparecendo é cada vez menor".

Hai incerteza sobre o papel que terán as mutacións do virus na evolución da pandemia, con variantes como esta británica, máis transmisibles, que obrigan a reforzar a primeira barreira.

O virólogo César Muñoz-Fontela di que "estas variantes páranse coas mesmas ferramentas que temos para as variantes básicas: o distanciamento social, a máscara e a hixiene".

Os epidemiólogos predín que en poucas semanas podería ser a predominante en Galicia.

 

Noticias web

17/02/2021