CRTVG

Buscar

Guitiriz recomenda non empregar a auga da traída por altos niveis de ferro

Publicado o 11/10/2019 20:20

A auga da traída de Guitiriz presenta un alto nivel de ferro e, polo tanto, unha cor marrón que fai que non se poida utilizar. Os veciños non poden nin lavar nin cociñar con ela nin tampouco bebela. A peor parte lévana os locais de hostalería que teñen que mercar auga envasada para, por exemplo, poder servir cafés. O Concello está a tentar solucionar o problema.

Este local de hostalería de Guitiriz é un dos afectados polo mal estado da auga da traída. O líquido que sae da billa ten un alto contido en ferro polo que a auga colle unha cor entre amarela e marrón que fai que non sexa apta para ningún tipo de uso. Así, os hostaleiros vense obrigados a mercar auga envasada para poder servir cafés ou mesmo para fregar a louza. O problema afecta a todos os veciños, que non poden lavar a roupa, cociñar nin beber. Non é a primeira vez que sucede algo similar pero desta volta son xa moitos días coa mala situación da auga. "Levamos 15 días coa auga cunha cor moi escura. Non a podemos usar nin para cociñar, nin para lavar e menos para facer cafés. Non sae marrón, sae negra." "A auga está mal. Sae amarela e non vale para beber. Nós mercámola na tenda."

O concello lembra que o consumo continuado de auga con niveis de ferro elevados pode causar danos na saúde e por eso desaconsella a súa utilización. Agora estudan a fórmula para compensar no recibo da auga os danos e perdas derivados deste fallo na traída.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/10/2019