CRTVG

Buscar

Guitiriz pasa a nivel amarelo e recupera a mobilidade

Publicado o 15/03/2021 16:42

Fina leva máis de 50 anos rexentando un negocio familiar, aberto ao pé da Nacional VI hai case un século. Dedícanse en exclusiva á elaboración da torta de millo de Guitiriz. As vendas caeron en picado.

"Agora fixemos unha tenda en liña e estamos empezando pero, nin a metade do que se facía", comenta ​Fina Bello, que leva 50 anos elaborando tortas de millo.

Adelaida que sente que perdeu un ano da súa vida, hoxe só tiña unha cousa na cabeza, saír tomar un café. "Tanto tempo que parece que notabas así algo raro, que non había na vila, vamos".

"Eu teño un bebé, contaxiouse na gardería e despois contaxiámonos eu e máis o papá", conta Ana Pardo, que rexenta unha tenda de roupa. Ana case non tivo síntomas, pero a covid deixoulle secuelas.

"A enfermidade pasámola practicamente sen nada, de cara ao final eu noteime moi cansa e o meu home igual, e despois unha sensación de frio, sobre todo nas mans, nos pés, moito frío, dáche de golpe e non che dá pasado".

Chicho rexenta un bar e hoxe é o seu primeiro día de traballo dende xaneiro. Confesa estar algo nervioso.

"Cun pouco de medo porque en calquer momento tamén nos poden volver pechar por calquera gromo que haxa, pero, home, si cunha certa ilusión, polo menos vir para aquí traballar un pouco e está a cabeza noutra cousa. Se nos deixan traballar agora e nos van abrindo un pouco de horario e un pouco máis de aforo, espero tirar para arriba", afirma Chicho Santos, hostaleiro.

Noticias web

15/03/2021