Guindan pedras desde os últimos andares das Torres do Garañon, en Lugo
Este edificio en construción, coñecido como as Torres do Garañón e que leva anos paralizado, converteuse nun serio problema para os veciños da contorna do parque lugués de Rosalía. Se era habitual que os mozos entrasen nel a facer pintadas, botellóns ou selfies, agora úsano para guindar pedras dende o andar superior ata a rúa, poñendo en perigo a integridade física dos peóns, podendo danar os coches aparcados abaixo e mesmo arriscando a súa vida porque na obra xa non hai medidas de protección.
"Aquí hai un problema serio e o Concello debera facer algo. Porque aí métense os rapaces e fan de todo. Calquera día vai pasar algo grave se non se toman medidas".
Os afectados din que a mellor solución sería derrubar o edificio e que xa hai unha sentenza xudicial firme que obriga a que efectivamente sexa derrubado. Lembran que o acceso a el é bastante sinxelo, polo que os mozos entran e saen sen dificultade. Din que se fai preciso actuar canto antes porque en calquera momento pode haber unha desgraza persoal e piden que se incremente a vixilancia na zona.
"Eu vexo dende a casa que os rapaces soben polo edificio e ás veces non están en boas condicións. Parece que están agardando a que pase algo grave para acabar con esta situación".
A proximidade das Torres do Garañón con varios centros de ensino secundario de Lugo tamén o converte nun reclamo para os mozos.