Guay, o mellor semental en produción de España, é galego
O seu nome completo é ben longo: K&L Oh Rossi Guay. Uns apelidos que indican que Guay procede dunha das mellores familias de vacas leiteiras de Estados Unidos e que naceu como un embrión importado en Países Baixos. De pequeniño veuse vivir a Lugo, donde forma parte do grupo de sementais de raza frisoa de Xenética Fontao, o principal centro de escolma xenética de vacún de España. Só ten ano e medio de idade, pero segundo as probas de CONAFE, a Confederación Nacional de Frisoa Española, ten un índice GICO de 5.023 puntos, o que o sitúa como o número un dos sementais españois en produción nestes momentos.
Este índice sérvelles aos gandeiros para saber que as fillas de Guay moi boas vacas leiteiras, aínda que todavía non ten ningunha. Isto é posible grazas á xenómica, o desciframento do ADN da raza frisoa, que permite saber as aptitudes produtivas destes animais desde moi novos. Como explica Mauricio de los Santos, veterinario de Xenética Fontao, "estes touros, nada máis nacer, cunha simple mostra de pelo ou de sangue que analizamos no laboratorio xa sabemos a dotación xenética que teñen, xa sabemos que e con que intensidade a poden transmitir á súa descendencia, sabemos eses datos cunha fiabilidade moi alta, cun 70 por cento".
Uns datos que din que as futuras fillas de Guay terán todo o que o gandeiro busca para a súa granxa: "É un touro que cumpre moi ben coas demandas do sector hoxe en día, cunhas calidades moi potentes, con porcentaxes moi altas de graxa e proteína. É dicir, as súas fillas darán leite con sólidos, que é o que se demanda agora. E despois ten un tipo moi correcto, é dos poucos touros xenómicos que rondan os dous puntos positivos para tipo en xeral, para ubres e para patas, o que completa ademáis cuns trazos de saúde moi positivos, así que as súas fillas serán vacas lonxevas, moi produtoras, moi ben conformadas, con ubres sans e con bos recontos celulares", din desde Xenética Fontao.
Antes había que esperar a que un touro tivese polo menos catro anos para poder comprobar a través da súa descendencia que é un bo semental. Coa xenómica os tempos aceleráronse tanto que nas probas de CONAFE do mes de decembro Guay acaba de ser adiantado por Hondo, outro touro de Xenética Fontao que aínda non cumpríu un ano de idade o que o fai tan noviño que todavía non pode producir seme. "Hondo, con 11 meses, é un touro que pola súa idade está por debaixo do límite fisiolóxico ou biolóxico para producir seme, que normalmente comeza a partir do ano de idade, el está aí, pero efectivamente ten uns números que o levan ao top do ránking español".
Durante este mes de xaneiro os gandeiros galegos poderán solicitar doses de Guay, Hondo e doutros 24 sementais, dentro da campaña de compra conxunta de doses seminais que organizan todos os anos Xenética Fontao e as AFRICORES provinciais, as asociacións de criadores de raza frisona de cada provincia.