CRTVG

Buscar

Guatemala detén por corrupción o presidente de Oxfam, agravando a crise da ONG

Publicado o 13/02/2018 22:07

Guatemala detivo hoxe o presidente de Oxfam, Juan Alberto Fuentes, acusado dun caso de corrupción cando exercía como ministro de Finanzas de Guatemala. Este operativo, en que tamén foi arrestado o ex-presidente Álvaro Colom, supón un novo revés para a imaxe desta ONG tras coñecerse que o seu persoal contratou prostitutas en Haití e O Chad.

O actual presidente de Oxfam Internacional é un dos detidos nun caso de corrupción na adquisición dos autobuses que operan na capital de Guatemala durante 2008 e 2012. Daquela Juan Alberto Fuentes exercía como ministro de Finanzas do Goberno de Álvaro Colom, tamén arrestado xunto a oito membros máis daquel Gabinete.

A fiscalía acusa a todos eles de malversación e fraude. 
A ONG británica difundiu un comunicado en que seu presidente asegura que está a colaborar na investigación e que non transgrediu as normas. A detención de Fuentes chega tras coñecerse que cooperantes e dirixentes de Oxfam contrataron prostitutas con fondos da organización pouco despois do terremoto que devastou Haití en 2010, algo que xa fixeran anos antes en Chad.

O Goberno británico e Bruxelas ameazaron con retirarlle as axudas por este escándalo que parece non ter fin. Unha ex-empregada acusou a organización de encubrir abusos sexuais que detectou como presidenta dunha comisión de investigación en varias tendas británicas entre 2012 e 2015. Segundo denunciou, en moitos casos as vítimas tiñan 14 anos. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

13/02/2018