CRTVG

Buscar

Guaidó reúnese cos sindicatos de Venezuela e convoca folgas parciais en todos os sectores

Publicado o 05/03/2019 20:28

O presidente da Asemblea Nacional de Venezuela, Juan Guaidó, convoca os funcionarios públicos do país a secundar unha folga gradual en todos os sectores. Vinte e catro horas despois de regresar da súa xira por Latinoamérica, Guaidó reuniuse hoxe cos líderes sindicais venezolanos, aos que lles pide axuda para derrocar o Goberno de Nicolás Maduro.

Guaidó chama á folga os funcionarios públicos de Venezuela como medida de presión contra Maduro e o seu Goberno. O líder opositor, recoñecido por máis de 50 países como presidente interino, convocou unha serie de paros graduais en todos os sectores, que non descarta que acaben nunha folga xeral.

Juan Guaidó, presidente da Asemblea Nacional de Venezuela: "Que teña moi claro o réxime que os empregados públicos, os obreiros, os médicos, os estudantes... non van seguir cooperando cun réxime que persegue os traballadores, que incluso os mete en prisión".

O líder opositor, que se reuniu cos representantes sindicais de Venezuela, anunciou ademais unha Lei de amnistía co que será posible indultar tanto civis como militares que abandonen a Maduro e se unan ao seu proxecto de transición democrática. Mentras, Nicolás Maduro, sin ningún acto público, lembrou este martes no seu Twitter a figura de Hugo Chávez, xusto cando fai seis anos do seu falecemento.

Noticias web

05/03/2019